As novas medidas que detallou o Goberno supoñen un novo paso para o alivio do confinamento. Trátase do inicio da chamada desescalada, que está a acontecer na maior parte do territorio español.

Para os paseos con nenos, permítese saír acompañado dunha persoa que viva no mesmo domicilio, cunha distancia non superior a un quilómetro respecto da casa, e só un paseo ao día. En canto aos paseos para practicar deporte pódense realizar de maneira individual e sempre dentro do municipio de residencia.

Os maiores de 70 anos e os dependentes tamén poderán pasear.

Vedes, non sempre que nos mandan a paseo é con malos modos e por rexeitamento. Todos a paseo pero respectando os franxas horarias dispostas por idades.

 “Chegara o inverno e celebrábase en Xerusalén a Festa da Dedicación. Xesús paseaba polo Templo no Pórtico de Salomón. Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle: Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Mesías, dínolo abertamente.

Xesús respondeulles: Xa volo dixen e mais non credes: as obras que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas. As miñas ovellas escoitan a miña voz...”

Pasea Xesús:

Pasea, non fica inmóbil, non se refuxia no interior do templo. O templo, reservado para o encontro comunitario en oración,  pode converterse en lugar de crítica e distanciamento social. Cómpre airearse.

Pasea e pensa.

Pasea canda nos, para coñecernos, para escoitarnos.

Pasea e espera, non acelera o paso para que poidamos camiñar ao seu lado, segue o noso ritmo.

Pasea e decatábase de que moitos non cren nel. Paseando busca o xeito de chegar a eses escépticos, aos que buscan a verdade en lugares equivocados.

Pasea e pregunta para que falemos. Faise o ignorante e da unha resposta sinxela, aclaratoria, conectada coa fe que se practica, coas obras que El mesmo opera.

Pasea e pensa en todos os que o seguimos. Pasea consciente da nosa inquietude de encontrarnos con Deus. Paseando fainos ver que Deus tamén ten sede de encontrase connosco, e sae fora do templo para expresar esa inquietude.

Pasea en harmónica complicidade co Pai do ceo. Pasea e ora.

Pasea e anhela a vida eterna. Paseando roga pola felicidade de todos.

Ser cristián é dar un paseo con Xesús polo adro do templo, camiño que non nos desarrima dos que pensan diferente e que leva á experiencia do encontro con Deus, Pai Amor.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Testamento é a declaración legal dunha persoa que recolle o que desexa que se faga co que lle pertence, despois da súa morte. As pertenzas acumuladas repártense entre os máis achegados, case sempre, os fillos. Para os despistados explicarei, entón, que facer a partilla consiste en dividir eses bens entre as persoas asignadas como herdeiras. Imaxinade que o meu patrimonio e dunha tarta de millo e que deixo tres herdeiros a partes iguais, pois ben, para comela terían que cortala en tres anacos do mesmo tamaño e determinar que cacho lle corresponde a cada un. E considerade o factor estómago, que incita a comer polos ollos e caprichosamente.

Estas matemáticas son retorcidas á hora de aplicalas. Está en xogo o porvir dos herdeiros e tamén, sen dúbida algunha, xógase coa vontade do finado. O que na teoría parece fácil chega na aplicación concreta a un punto extremo de complexidade. Hai partillas imposibles de amañar. O desacordo e as desavinzas fan acto de presencia con regularidade, mesmo se producen liortas que pasan dunha xeración a outra. Fixo, máis de un estades escaramonados.

"Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor. Este mandato recibino do meu Pai."

A ultima vontade do Bo Pastor antes de morrer recolleuse e púxose por escrito. Hai documentos legais que así o acreditan de distintas maneiras e en varios lugares. Dispuxo unhas partillas raras.

Quedaron de herdeiros os achegados, e inclusive os descoñecidos.

Os bens patrimoniais legados carecen de valor económico. En lugar de dividir os bens e facer un reparto o finado tratou de reunir a todos para que nada se malgastara.

O resultado das partillas? Mal. A estas alturas, logo de 2000 anos, andamos a voltas con elas. Sabedes unha cousa, eu xa renunciei a miña parte, porque quedeime co mellor.

Respectar a vontade daquel de quen se recibe ten un valor infinito. Todo o demais: títulos, poderes, cartos, influencias, coñecemento... representa a ilexítima dos fillos mal criados e antolladizos.

No testamento atopamos principios e valores. A finca do amor, esta non se toca nin se vende, queda para desfrutala todos. Deixounos, amais, un chalé na costa, casa de esperanza, ben situada, en zona cálida e con vistas fermosas ao lonxe. Dispuxo unha mellora, os aforros do banco, todos eles para investir a prazo fixo en bonos de caridade.

Fálovos dos intereses... cero, nin patacón pagamos. Esta herdanza millonaria ven con seguro de vida. En caso de accidente, renuncia ou morte os legatarios gozarán dunha nova oportunidade.

O Bo Pastor viviu e morreu pensando en "todos", daquela, consideremos o exemplo e obedezamos a súa última vontade.

Dado en Xerusalén en abril do 33.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Montamos na máquina do tempo para regresar aos tempos da primeira infancia.

Meu pai, albanel de profesión, faltaba algunha semana da casa porque ía choiar a terras ferrolás. Miña nai, costureira polifacética, quedaba ao coidado dos nenos e dos avós. Algunhas noites botabamos un colchón de espuma no piso do cuarto dos papás. Naquel colchón aprendín a persignarme e durminme escoitando algún conto. O meu recordo é borroso pero vou arriscar.

Había unha vez un raposo. Un raposo novo e presumido, cun rabo longo de pelo espeso e punta branca. Ao espertar acicalaba o seu veludo rabiño. Lustrado e dereito o raposiño saía buscar un galiñeiro.

Catro pasos cara adiante e un par de voltas de arredor, os ollos cara o chan e as orellas  guichas, así avanza o golfo do raposo sen deixar de ventar. Entre pasos, revoltas e brincos foi parar a unha aldea veciña. Vivía alí unha parella de velliños, pobres e humildes, foran caseiros e só tiñan catro ou cinco galiñas.

O raposo aventureiro, logo de idear un plan, adentrouse veloz coma un raio na alcoba das atemorizadas plumiferas. Puxo todo patas arriba, desfixo os niños, papou os ovos e arrincoulles as plumas ás pitas.

Con certa frecuencia, levado polo vicio, o raposo volvía. Cara ao solpor e dun chimpo colábase para furgar no domicilio avícola. Golpes e cacarexos anunciaban desgustos e perdas. Ata que se esgotou a paciencia do ancián matrimonio. Falaron do caso polo miúdo e trazaron comprar un can.

O domingo na feira trataron un pastor, era un cadelo feito e dereito, corpulento e con cara de ferreiro. Á simple vista poderíase dicir que era un bicho de malas pulgas.

E sucedeu que o arteiro e confiado raposo volveu as andadas. Achegouse para dar o golpe. Nun chiscar de ollos pegou un chimpo e saltou o alame, mais foi caer preto do Sultán, can fero gardián do galiñeiro. Viuse na boca do inferno. Ámbolos dous cuadrúpedes esqueceron  protocolos. Sultán ouveou e o raposo meditou... marcho que teño que marchar! Apertou o cu, pegou un brinco e, suspendido no aire, revirouse para librarse do perigo. Liscou doente, coma se o lume batera con el. Para a carreira adoptou postura de atleta e, presa do medo, tanto e tanto correu que se perdeu.

Unha ollada periférica de raposo fixo que o astuto animal se repuxera do susto. Achegouse á beira do río e nunha camposa lambíase as feridas, dicindo: Grazas, peíños e patiñas, sen non fora pola vosa velocidade agora non o contaría. Non sei como che hei pagar, meu fociño, porque me enchías de aire durante a fuxida. Grazas, orellas, por estar sempre espertas e escoitar calquera ruído. Grazas, ollos, que me guiades polos camiños e vedes todos os tropezos e perigos. Daquela interrompeu o rabo, que se sentía marxinado, e preguntou todo indignado: E o meu mérito?

O raposo acariñou o seu rabo e, con melosa retranca, dicía: Léveme o demo, non sei para que te quero!

“Naquel tempo, dixo Xesús: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas.

E díxolles de novo: Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase. Entrará e sairá e atopará pasto.

O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.”

Un galiñeiro, un curro, a prenda querida da alma custodiase porque se ama. As alarmas son eficaces pero alteran a paz con sirenas ruidosas, iso, cando non se estragan. Gardar o tesouro das nosas vidas implica presencia, calma, coller da man, aloumiñar e bicar. No texto ponse un exemplo desta conexión íntima de celo e de amor, un rabaño cun pastor. Os homes formamos ese grupo necesitado de protección e sustento. O pastor simboliza a dedicación continua en entrega con dor e fatiga. Por certo, non se coñece pastor que non cheire a ovella. Ollo, hai outros, raposos de oficio, pero chámanse ladróns e bandidos.

O Señor Pastor vixía e pon a recado o patrimonio da nosa vida. Vida que trae canda si situacións de perigo, ninguén está libre dun ataque inesperado, inimigos hainos!

Confundir o touciño coa velocidade? O bo pastor non asalta nin rouba, e menos, dana aos seus fillos.

O curro da porta estreita, pero segura, para entrar, saír e ser feliz!

En memoria de quen me contou o conto e gardou de pequeno.

“Levámoste no corazón”.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Ronda os nove anos, de pelo curto e cor leonado, cara ancha e nafro, cunha mancha branca derriba do pescozo que inspirou o seu nome, Ártico. Atende polo alcume de Tico. A súa historia é a dun can abandonado. De cachorro no medio do monte achegouse a un veciño que facía uns traballos co tractor. Xogando e brincando detrás da ruidosa máquina apareceu sen contar ao pé da nosa casa. Pasaron os días e o cadelo sempre estaba puntual a súa cita coa comida. Como non marchaba preguntamos polos arredores se tiña dono e, á fin, ratificamos que o pequeno cánido era un can vagabundo. E adoptámolo. Veterinario, rexistro canino e bautismo de cans. Un membro máis da familia. O despoboamento do rural galego obrigounos a coller as maletas e emigrar en busca dun novo fogar. Aquí en Lugo, nesta fermosa cidade e na compaña de moitos amigos,  vivimos ámbolos dous.

A historia do Tico introduce esoutras tan deprimentes e tristeiras de abandono entre humanos.

Veñen a miña cabeza as persoas maiores que sobreviven nas residencias e ninguén pasa a facerlles unha visita. E penso nas vinte cinco mil persoas que perderon a vida por culpa desta peste. De idade avanzada, algúns casos dependentes, ingresados e illados. Deitados na cama e mirando fixamente ao teito. O telefono móbil sen batería. As visitas prohibidas. Entra xente de verde, semellan marcianos, son amables... Estas mulleres e homes anciáns teñen o xesto lacerado, os dedos retortos e o espiñazo cangado.

Entendo que o cariño transmítese dende a distancia, por exemplo, no quincuaxésimo día de confinamento mantemos vivo, sen vernos, o vencello do amor. Ora ben, coa chocheira propia da vellez as facultades mentais debilítanse e a capacidade para percibir biocos e afecto pasa polo contacto, por manter certa presenza física. Afeitos a un mundo máis humano e rudimentario rodeámolos de tecnoloxías frías e deportámolos para cumprir protocolos e medidas....

Aparcámolos e agora abandonámolos. A xeración da fame e do maltrato. Si, naceron no medio da pobreza da posguerra e saíron adiante a duras penas, e agora, fixéronse vellos.

“Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el.

Preguntoulles entón Xesús aos Doce: Vós tamén vos queredes ir?

Respondeulle Simón Pedro: Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna.”

Os discípulos andaban coa mosca detrás da orella, albiscan problemas, Xesús métese en fregados e moitos deles acaban liscando. Parécelles que a exixencia do seguimento é moi forte e que leva aparelladas renuncias e sacrificios. Diante tal panorama os doce gurran por seguir ao Mestre porque non hai outros mestres que teñan palabras de vida eterna.

O andazo que estamos aturando ponnos perante un dilema moral. Que facer cos enfermos graves? Acompañámolos ou pasamos deles? Teño a sospeita que esta sociedade opta polo máis doado, pórse a cuberto namentres entoa un sálvese quen poida! O valor da sociedade actual é inversamente proporcional á xenerosidade, ilusión e traballo de boa parte dos que van alá vítimas da pandemia.

Roñan algúns intolerantes: Para que a relixión? Eu pregunto: Quen abandona ás persoas non vai abandonar a Deus? Levamos unha vida descansada, afiuzamos discursos baldeiros, refusamos compromisos e fechamos horizontes. Hoxe aparcase todo o que molesta. Ao lonxe dende a indiferenza e superficialidade non se aprecian certos detalles. Deus para moitos non terá cabida neste tempo, secasí, necesitamos alguén que se manteña fiel e non lisque ante a dificultade, necesitamos un amor incondicional que salte o confinamento para acompañar ao enfermo.

Creo no Deus de Carne que me quere, acompaña e salva. Creo no Deus que visita, toca e cura aos enfermos. Creo no Deus que ocupa esa cadeira baleira nas habitacións dos hospitais.

O Deus da miña relixión endexamais nos abandona.

Eu tampouco renego del!

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Estou un pouco farto dos informativos. Dende que se declarou o Estado de Alarma teño a impresión de presenciar unha e outra vez o mesmo telexornal, radiado, televisado ou pola rede de datos. Cifras, gráficas, estatísticas, porcentaxes, previsións, liñas de evolución, mapas... A abundancia de información que se vive actualmente máis que sumar contido para a formación dun bo criterio de análise e opinión, xera desconcerto e confrontación. Se non les o xornal, estás desinformado. Se les o xornal, estás mal informado. Apago e marcho.

Ante a exposición continua dunha realidade incompleta, ou tratada de esguello e segundo conveña, non queda máis que refuxiarse nas cousas de cerca. Teño a sensación de ser un espectador da obra teatral de Mario Vargas Llosa, titulada: "Os Contos da Peste". A trama desta peza conta a reunión duns mozos nunha vila nos arredores de Florencia. Confinados cóntanse a viva voz historias para entreterse namentres a peste arrasa a cidade.

De pequeno trouxéronnos dous mapas interactivos e con luz. Un para aprender ríos de España e outro das capitais de Europa. Primeiro introducese un punteiro de metal nun dos furados laterais que acompañan unha listaxe de países, por exemplo, Noruega. Despois, con outro punteiro, elexías e marcabas unha opción dentro do mapa. Se a resposta era correcta prendíase unha lámpada pequena, se fallabas non pasaba nada. Oslo. Correcto! Xogando con aqueles mapas pouco aprendín.

Fai uns días descubrín un mapa interactivo. Trátase dun mapa “informativo” que tenta recoller o que fai a igrexa para servir ao ben común durante a pandemia. O mapa permite premer enriba de cada diocese. Ao premer ábrese unha fiestra coas iniciativas que se desenvolven. Pasei de Lugo a Madrid, de Vic a Cartaxena, e de Sant Feliu de Llobregat a Plasencia. Vin unha chea de iniciativas pastorais, espirituais, sociais, asistenciais, educativas e de entretemento. E lembrei o meu mapa de xoguete.

Vou debuxar o meu mapa. Quero que sexa interactivo, para que digades que vos parece.

Dentro dos confíns do mapa vive xente. Vexo rostros de persoas coñecidas. Comparto con algunhas delas compromisos e problemas. Montes e moreas de cidadáns de primeira. Por moito que o intento non me caben todos dentro e, de non ver á miña xente, este mapa resulta deprimente.

O meu mapa do país do confinamento ten a capital no centro parroquial. Mapa vello coa teima de sempre. A actividade principal é a caridade. Nas aforas puxemos o centro loxístico de distribución de alimentos. Esta semana descargamos leite, patacas, ovos e fideos. A furgoneta, cedida de forma altruísta para uso da Cruz Vermella, viña chea de alimentos ricos en solidariedade. Con paciencia recadamos algúns cartos que imos administrando. Entre visitas e chamadas de xente preocupada a axuda está garantida. Toma este sobre con 300, eu dou 5, este outro con 600, e aquí van 200.

Á fronte do ministerio de xestión un gran equipo. Onte repartimos. Pola nosa casa pasarían vinte persoas acompañadas dos seus problemas:

Meu Deus! Un matrimonio que soamente tiñan 5€.

Grazas, nesta situación necesitaba desafogar e non sentirme estranxeira. E marchou para unha habitación de 150 euros mes porque a esta Colombiana non a quixeron máis onde estaba.

O aluguer, o recibo do gas, a luz, un despido... que facemos? Escoitar, animar e demostrar compromiso.

Cruza o meu mapa unha rede de alta velocidade. Nestes tempos son prioritarias as boas comunicacións. Saber das persoas que non podes ver, porque falar tamén é signo de fe. Un mapa interactivo que tamén permite conectar con quen pode axudar. Cantas veces oín, se alguén necesita axuda, xa sabe, chame! Heille dar algo! Comigo contade!...

Os problemas, patrimonio dos pobres, son a nosa herdanza. No libro sagrado reza escrito: "Dígovolo de verdade: Canto fixestes cun destes meus irmáns máis pequenos, fixéstelo comigo.”

Un mapa coas fronteiras abertas que non se pecha canda as portas da igrexa. Aquí todo o mundo é ben recibido. Dos signos das catro regras o da suma é o que interesa. Na Casa aprendemos que todos somos irmáns e cremos no mesmo. Viva a comuñón!

Desde as casas damos o mellor de nos mesmos. De momento mantemos o de #QuedaNaCasa #RezaNaCasa.  

As poucas saídas ao cemiterio causan desconcerto. Dicimos adeus gardando as distancias con mascaras e guantes, sen bicos e abrazos, en soidade e, canto antes.

Que difícil e arriscado facer un mapa. O mundo real non se pode meter nun mapa. A información de calquera mapa non reflexa a realidade do pobo. Cun só clic non te decatas de nada. Outro xoguete para o baúl do esquecemento.

Lévovos a todos moi dentro do meu mapa.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa