"Naquel día, os pastores dicíanse uns a outros: ‑ Vaiamos a Belén ver o que sucedeu e que o Señor nos manifestou.
Foron correndo, e atoparon a María e mais a Xosé, e ao neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel.
E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lles dixeron.
María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado".
O BELÉN E O LOGO DO XUBILEO 2025 "PEREGRINOS DA ESPERANZA"
Ollamos con cariño cara o noso Belén. Aquí está representado o misterio de Deus que se humaniza e nos salva.
Mt 1, 21 "Porén daranlle o nome de Xesús porque El salvará ao pobo dos seus pecados".
Mt 1, 23 "Unha Virxe terá un fillo e poñeranlle de nome Enmanuel, que significa "Deus con nós"
Lc 2, 10-12 "Hoxe na cidade de David naceuvos un salvador que é o Mesías, o Señor".
Xn 8,12 "Eu son a luz do mundo, quen me segue non andará nas tebras, senón que terá a luz da vida"
Este ano, na preparación do Belén, inspirámonos no logo do Xubileo 2025, que nos invita a ser "Peregrinos da Esperanza". A simboloxía deste logo reforza a idea de que cada un de nós é un peregrino que camiña cara ao encontro do Salvador. Peregrinos polo camiño emprendido por Deus que se achega ao seres humanos, e transitado por todos aqueles que buscan sentido e esperanza para as súas vidas.
No logo do Xubileo albiscamos catro peregrinos, en diversas cores e tamaños, camiñan na mesma dirección, coas mans e cos brazos abertos en signo de acollida e fraternidade, semellando un abrazo. Ascenden cara á cruz, a base da cal ten forma de áncora, simbolizando a firmeza e a seguridade que nos ofrece Cristo, a nosa áncora na vida. Como diría San Cipriano de Cartago: "A unidade da Igrexa é como unha áncora que nos mantén firmes en Cristo" (Sobre a unidade da Igrexa).
Un ser divino e luminoso, o “Gran Peregrino”, indica o lugar exacto do nacemento e protexe ao Neno Deus. Del recibimos unha gran aperta que representa a unión entre o humano e o divino (teoloxía da aperta).
A Igrexa, representada por estes peregrinos, é unha comunidade diversa, formada por crentes de diferentes orixes, carismas e ministerios, que, guiados polo Espírito Santo, camiñan xuntos cara á meta final, a salvación. Xuntos, como parte dun corpo, avanzamos no camiño da esperanza, seguindo ao Pastor que vai diante, guiándonos con súa luz.
Somos unha ringleira de peregrinos que camiñan alentados polo espírito cheos de esperanza cara o encontro do Salvador.
Ti, que contemplas este Belén, tamén estás representado nestas figuriñas. Es un peregrino que te sumas á gran cadea dos que camiñan na historia cara o encontro do Señor. Imos xuntos, formas parte da igrexa, percorres a senda que conduce a Belén trazada fai dous mil vinte catro anos polos sabios de oriente e polos pastores. Non camiñas só, ao teu carón compañeiros de andaina que transmiten luz para non perder o rumbo.
Un tras outro abrimos os ollos á luz da fe. Chegamos ate aquí para recordar e admirar este misterio de amor. Un meniño concibido polo Espírito de Deus que descende do ceo para quedar connosco e facerse pan de salvación.
Pecha os ollos, anícate con humildade, e adora ao mesmo Deus nado en Belén. Pide que a esperanza invada o teu corazón e alente de cote a túa vida para acadar a meta da felicidade celestial.
San Gregorio Magno: "O Señor nace para que, sendo parte da humanidade, tamén poidamos compartir a súa divindade" (Homilía 14 sobre o Evanxeo). Que neste Belén todos poidamos experimentar esa verdadeira transformación, na que a esperanza se fai realidade e nos guía no noso camiño de fe.
PEREGRINOS DA ESPERANZA!
BO NADAL!