
Crebacabezas de 2025 pezas.
Nadal, para que todo encaixe.
Neste Nadal de 2025 decidimos elaborar de xeito artesanal un crebacabezas xigante, con tantas pezas como anos se cumpren do nacemento do neno Xesús. O xogo de encaixe érguese dentro dunha caixa que, ao tempo, garda as fichas aínda por colocar. No seu interior atopamos tamén as figuras do Nadal: os pais do neno, María e Xosé, os Reis Magos e mesmo o berce.
Todos estes elementos combinados, como se dun mosaico se tratase, proxectan unha estampa fonda e orixinal do que simboliza o Nadal.
Claves de interpretación:
- As pezas do crebacabezas somos cada un de nós.
- As pezas dispersas representan a diversidade que, á vez, forma parte dun todo.
- Os fragmentos ensamblados falan de unión, ben podería tratarse da nosa comunidade parroquial. Latexa aquel dito da carta de Pedro (Pedro 2, 4–5): “tamén vós, como pedras vivas, entrades na construción dun edificio espiritual”. Cada peza únese ás máis próximas con lazos moi fortes, pero para que o conxunto estea completo facemos falta todas e todos.
- Ben sabemos que para completar un crebacabezas é precisa moita paciencia: darlle voltas a cada peza, probando distintos encaixes ata atopar o axeitado.
- Existe certo parecido entre algunhas pezas, mais non hai dúas iguais, por iso, cada unha debe atopar o seu lugar e o seu acougo.
- As cores ocres simbolizan a terra, a sobriedade e a antigüidade.
- Os tons palla falan de humildade e sinxeleza.
- Os retallos do crebacabezas parecen caer do ceo, como se Deus mesmo estivese a construír unha historia, dándolle sentido á vida do home e desvelando un segredo de amor, que culmina co nacemento do seu Fillo e coa salvación que El nos trouxo. (Mateo 21, 42) «Nunca lestes nas Escrituras: A pedra que rexeitaron os construtores é agora a pedra angular». Daquela entendemos co berce do Neno sexa un elemento similar aos outros, porque El -pedra angular- é un de nós.
- Non sobra ningunha peza, precisámolas todas.
Outras consideracións:
- O puzzle é un xogo que precisa manter a atención e lembrar formas, cores e posicións. Un proceder semellante achegaranos á experiencia de Deus: lembrar vivencias, situacións, bos exemplos, intuicións, repasar a propia historia...
- Un recurso lúdico moi completo que favorece aprendizaxes cognitivas, emocionais e sociais dun xeito motivador. Calquera que se plante ante este gran Belén sentirase interpelado e daralle voltas ás pezas e á cabeza.
Pouco a pouco imos avanzando no traballo e descubrindo, con emoción, o resultado final. No crebacabezas da vida todo encaixa se atopamos a peza clave: o noso Señor, nado en Belén.
Que completedes o puzzle e sintades unha satisfacción permanente.
Lembra: Ti es unha peza deste puzzle!
Bo Nadal, parroquia!
