Esta tarde pensei na historia do pobo de Israel, en concreto, naquel episodio no que grazas a un país estranxeiro case acadaron o pleno emprego. Unha empresa multinacional exipcia "altricanteiras" colocou a miles de traballadores para levar adiante proxectos faraónicos como nunca antes se viran. Os confiados xudeus presentaron ás autoridades os seus currículos e de seguida pecharon o acordo. Ao principio a relación traballador-patronal fluía, co paso do tempo, as condicións laborais trocaron en insoportables e xurdiu a preocupación e o malestar. Por precisar, direi que o pobo de Israel por completo viuse asoballado e sometido en contra da súa vontade. O que denantes semellaba progreso e benestar, agora representa pesadumes e sufrimentos, porque o que ben empeza tamén pode acabar mal. Imaxinade que insoportable sería o ambiente que se respiraba que todos querían liscar. Para fora, un laio de impotencia e, por dentro, esa sensación de rabia que te roe cando a posteriori es consciente dos teus erros.
Correndo os anos e os séculos esta xentiña recibiu novamente unha oferta de traballo. Quizabes entraban ledos nas fábricas con chemineas fumeantes, unha delas recibía aos inocentes currantes con este lema: "O traballo faravos libres". As portas do progreso abríanse de par en par. Nesta ocasión non houbo marcha atrás, e alí faleceron intoxicados, contaminación, pola maldade e a cobiza dos poderosos.
Imperceptible ou nula a presión social, disque a meirande parte da poboación ignoraba o que estaba a suceder e, xa se sabe: ollos que non ven corazón que non sente. E a comunidade internacional fixo un Pilato en toda regra, é dicir, tirou de diplomacia para non involucrarse e saír coas mans manchadas.
Estas historias reais pasaron de xeración en xeración e quedaron, como pouso en vasilla, no recordo para quen cre en Deus e escarmenta dos erros pasados.
Recórreme o corpo unha sensación de optimismo e percibo un agradable aroma a forza de vida. Mirei a previsión meteorolóxica e vin os efectos dunha borrasca "Nelson" que retrasa a chegada da primavera, pero o temporal xa se vai, e o anticiclón bañará de sol e calma as nosas terras.
Teño ganas de sol para sentir esa calorciña agradable...
Señor, danos forza para amar e volver a empezar!