Á cancela da entrada rematouse coas letras “L T”, inicias dos apelidos que levamos os desta familia, Leiva Torreiro. No plano esbozouse unha residencia familiar de dous corpos, baixo e planta. A parte superior repártese en tres dormitorios, cociña, baño e salón comedor. Na planta baixa un salón espazoso, baño, despensa, cuarto da lavadora, dúas habitacións e unha sala con cheminea francesa.

Ao tempo que se levantaba o edificio chegou a concentración parcelaria e a superficie da finca aumentou considerablemente. Ao carón da casa está a palleira e, espallados pola finca, árbores froiteiras e castiñeiros e nogueiras. Por suposto, un trisco de terra resérvase para poñer a horta.

Agora non hai moito vagar e os traballos de mantemento lévanse a cabo ás arroutadas. Xa me tarda o día de volver á casa! Non esquecín o camiño e un destes días, se Deus quere, irei aló.

“Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos: na casa do meu Pai hai moitas moradas, doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar?

E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades tamén vós. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.

Dille Tomé: Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?

Xesús respondeulle: Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o P

ai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.”

Unha casa grande de moitas estancias preparada para acollernos. O seu dono morre de ansia para poñer todo a punto, e o seu afán medra imaxinando a chegada dos hóspedes. Artista e Pai meticuloso que honra aos fillos con detalles de infinda tenrura e providencia.

“Sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo...”

Unha casa grande chea de xente, aberta, hospitalaria, festiva e repleta de esperanza. Santo Antonio: templo que se vai erguendo sobre aquel que foi refugallo para os homes coas pedras vivas do sacrificio e da ilusión de todos vós.

Ganas de vervos, de parolar, de inventar, de compartir, de desfrutar e descansar. Estes días, marxinados na distancia, entramos virtualmente uns nas casas dos outros para avivar o vínculo da amizade e da fe. Grazas polo vosa hospitalidade.

Unha arela guía os nosos pasos: facer parroquia! Abro de seguido todas as entradas  desta casa que Deus nos deu por adiantado, para que pasedes e vos sintades donos do voso.

Deixo aquí esta chave da Casa de Santo Antonio, quero que a empreguedes sempre que queirades para abrir a única porta que descubre o Camiño que leva á Vida.

Grazas por aturarme e facer máis livián o encerro.

Ata pronto.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

"Felipe díxolle: Señor, móstranos ao Pai e abóndanos."

A curiosidade esperta e dirixe obstinada e ambiciosa a súa mirada cara o alto.

" Xesús replicoulle: pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai."

O peso das relacións humanas, medido en amor comprometido, axúdanos a descubrir a presenza divina mirando de cerca.

"Con toda verdade vos aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai."

Misterio? Rozamos a Deus escoitando a Xesús e fixando os ollos nos pequenos, nos pobres e nos desventurados do mundo. Xuntos e collidos da man iremos onda o Pai.

"Se algo me pedides no meu nome, eu fareino."

No nome de Xesús combatamos todas as pobrezas que nos impiden crer e arruínan as nosas vidas.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Un día destes no super a dependenta da carnicería ao recoñecerme soltoume iso de “eu estoulle moi enfadada co seu xefe”. De seguro que coñecedes alguén que pense así ou vos mesmos razoades deste xeito.

Entendo que a persoa que se enfada terá motivos para facelo. Os nenos collen perrenchas e, polo que vou observando, en ocasións cabréanse cos amiguiños porque si. É de supoñer que a xente feita e dereita non reproduce comportamentos propios da infancia e que o enfado é cousa seria.

Caio na conta de que o meu xefe é Deus, por dous motivos. Primeiro, porque son crego e a señora relaciona crego con empregado de Deus. Segundo, porque xefe chámaselle a aquel que está por riba, e de todos é sabido que Deus vive aló no ceo.

Penso que a dependenta e os que se enfadan co meu xefe non o coñecen ben. A reacción de xenio ven provocada principalmente por algún suceso do que culpan ou responsabilizan a ese señor poderoso. O tal xefe da trazas de tipo despistado e, despiste ou inxenuidade, leva aparellados malos entendidos. Certo, as relacións entre persoas poden dar pé a confusións. Todos sentimos desgusto cando a xente ten un concepto equivocado dun ou cando nos interpretan mal. Confío en que o gran xefe conserve a calma, que aos cativos mecosos tamén seus pais lles dan un azoute para calmalos.

“Dilles Xesús ós seus discípulos: non vos agoniedes, crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas, doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.

Dille Tomé: Señor, se non sabemos onde vas, como imos sabe-lo camiño?

Xesús respondeulle: eu son o camiño, a verdade e a vida. Ninguén chega onda o Pai máis ca por min.”

Os seres humanos pasamos por situacións que provocan tristeza e angustia. A pandemia do coronavirus esparexeu un tipo de virus que causa gran dor e tormento. Perdo a conta de tantas familias rotas que perderon seres queridos. Ante este feito todos sentimos pena e solidarizámonos do mellor xeito posible: gardar loito, aplaudir no balcón, facer homenaxes, pregarlle a Deus...  Intentámonos animar como podemos.

Xesús e os discípulos andan agoniados polo que vai suceder. As palabras que pronuncia o Xefe intentan levantar os ánimos decaídos daqueles pobres homes, crede en Deus e crede en min. Facemos noso este discurso de Xesús e aplicámolo aos momentos de separación e morte que nos tocan sufrir.

Enfadarse co de arriba? Anda anoxado co de arriba quen non o coñece ben.

Un pai que levanta unha casa para darlla aos seus fillos, que acomoda un espazo acolledor, amplo, con moradas para recrearse en felicidade non pode atentar contra os que ama. O Pai que nos concibe para a vida, que nos mantén e nos fai herdeiros seus, ese pai, desexa que vivamos para sempre. Ningún drama irrompe por vontade divina, non lle podemos atribuír a Deus o mal que nos asola, El non é o responsable.

Todo isto cheira a mal entendido. Ese xefe do que falan por aí non responde a un prototipo de socorrista de praia, máis ben, pasa por ser un amigo íntimo que, sen palabras ante a realidade que nos supera, intenta consolarnos cun abrazo. Deus me conserve amigos de verdade que me acompañen e abracen sen articular palabra.

O meu Xefe padeceu e morreu na cruz. Que lle podo recriminar a este amigo?

A casa de meu Pai é agora a casa de todos.

Vivamos en esperanza o retorno a esa casa que enche de alegría e renova enerxías.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Un casco laranxa con viseira colgaba do guiador. Emoción desatada ao abrir os ollos e contemplar aquela máquina ao pé da cama, foi un día de Reis. Unha bicicleta de cros con rodas amarelas de tacos e acolchados no tubo superior do cadro e no guiador. Marca e modelo, BH California X2.

Agardaban quilómetros de diversión e aventuras dándolle aos pedais. Algúns días de sol ía nela á escola. Daquela non había aparcadoiros habilitados para bicicletas polo que quedaba no almacén da taberna de Suárez. Durante as vacacións inventabamos algunha xincana. O circuíto, trazado diante da casa, acadaba máxima dificultade ao ter que superar un paso estreito delimitado por dúas varas paralelas. De non tocar os paus enfrontábaste á última proba do circuíto, pasar entre dúas botellas de lixivia baleiras sen derrubalas. Cómpre explicar que para superar tal obstáculo había que sincronizar velocidade, equilibrio e pedalada. O truco consistía en franquear unha botella cun pedal en movemento ascendente e, inmediatamente, a outra botella co outro pedal en movemento descendente. No tempo das setas e das moras coa California X2 descubrimos as mellores petadas e fixemos catro patacos.

O salto de calidade chegou anos máis tarde coa Peugeot Aubisque. Unha bici de carreiras feita en aluminio, de cor azul e sela e cintas do guiador brancas. Con esta máquina no garaxe presentáronse desafíos de maior distancia. Desta época datan as primeiras quedadas cos veciños ciclistas, e tamén, os inevitables contratempos emparellados á xuventude.

A crise que trae a alopecia amortecina coa adquisición da Belinda, nome da actual compañeira de estradas e fatigas.

A min préstame andar na bici e desfruto diante do TV coas proezas dos mellores ciclistas. Cando monto no trebello sinto tal motivación que non hai porto ou distancia que se me resista. Aperto os dentes e o traseiro e zapatilla! A realidade asáñase comigo e ponme no meu sitio. Testudo de min sigo ilusionándome cando miro para esas rodas con cornos.

O mundo do ciclismo está cheo de tolos. Un amigo dos de sempre fai sete anos propúxome participar nalgunha marcha cicloturista. Este home que anda sobrado de motivación, e vontade non lle falta, descorreu facer os 200 quilómetros dunha proba de nome “Quebrantahuesos” aló por Sabiñánigo. Por certo, seguimos a explorar ano tras ano a xeografía do perineo franco-aragonés. 

Ao regreso dun adestramento polos arredores do concello de Santiso quedamos a falar. Na conversa o meu atufado compañeiro deixou entrever a posibilidade de facer o camiño de Santiago desde Roma. Ao cabo dun mes xuntámonos tres incautos nunha polbeira de Melide para tentear ánimos e datas. Entre talladas de molusco e viño con gasosa comezou a proeza daquel camiño de Santiago. 2.824km, aí o deixo!

“Despois que Xesús lles lavou os pés aos discípulos, díxolles: con toda verdade volo aseguro, o servo non é meirande có seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou. Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.”

A humildade posiblemente é a virtude máis preciosa aos ollos dos homes. As persoas polo xeral traemos de serie algunhas limitacións. Ás veces cóstanos recoñecer eses límites e xogamos a ser protagonistas omnipotentes. No historia do ciclismo están gravados os nomes dos máis destacados corredores, por exemplo, Miguel Indurain ou Pedro Delgado. Deportistas irrepetíbeis, recordados pola súa humildade, que inspiran a nenos e adultos afeccionados. Tan convinte soñar coma manter a cabeza no seu sitio e os pés na terra. Sóbranme dedos da man para contar o número de campións, o resto divertímonos facendo rutas e montando algunha que outra película.

Coñécete a ti mesmo! Unha advertencia na entrada dun templo grego. Estas palabras lembran a importancia de mirar cara a dentro para descubrir a nosa cativeza humana, e máis, coñecerse a un mesmo, indica pensar antes de tomar calquera decisión, antes de dar calquera paso.

Xesús fala do servo e do mensaxeiro para evitar conflitos de identidade, para evitar que aqueles discípulos un día se suban á parra. A lección queda ben explicada: os discípulos, a pesar do recoñecemento social e prestixio, teñen a obriga de imitar a aquel que lles lavou os pés. Os apóstolos e os seus sucesores teñen que cumprir a encomenda de servos e mensaxeiros. Repito: o servo non é meirande có seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou! Os auténticos enviados do Mestre destacan pola súa humildade, nada de altivez e soberbia.

No argot ciclista dise que a estrada pon a cada un no seu sitio, en cristián ven significar a pequenez do discípulo en comparanza ao Mestre. El poñerá a cada un onde lle corresponde.

Que felicidade circular no medio do pelotón.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Un chanto grande sito na esquina da casa do Ferreiro, xusto onde arranca a estrada de Arzúa, marcaba a parada do trasporte escolar. Subidos naquel chanto agardabamos a chegada do coche de Suárez. Unhas veces viña o autobús novo, con radiocasete que funcionaba e con portas automáticas seseantes, outras a pota vella equipada con panca de cambios tipo cachaba, asentos de skai e fiestras laterais á altura da cara.

Subiamos ao bus e comezaba a ruta: Barazón, Barazón Pequeno, Portocelo, Padrón, San Benito, Novela, Liñares, Belmil, Santiso, Rairiz e Arcediago. O traxecto aproveitábase para repasar unha lección, sentarse canda un amigo@, escoitar música,  barullar... Os choferes, uns máis permisivos que outros, influían no ambiente que se creaba no interior do vehículo. Uns pilotos accedían a poñer no radiocasete as cintas gravadas cos últimos éxitos musicais que algúns rapaces lle achegaban. Pon esta, pon esta! Bon Jovi, Mecano, Modern Talking, Sabrina, Los Chunguitos, Milli Vanilli...

Milli Vanilli foi un dúo alemán  de éxito que soaba alá polos oitenta e pico. A súa carreira durou o que un foguete antes de estoupar. Esta parella de mozos gallardos non interpretaban ningunha das súas cancións, buligaban polo escenario e o playbacky facía o resto.  Axiña desapareceron do mapa.

"Xesús gritou: Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; e quen me ve a min, ve a quen me mandou. Eu son a luz que veu ó mundo, para que todo o que cre en min non permaneza nas tebras..."

De entre todas as capacidades dos humanos hoxe quixera destacar a capacidade de crer. Cremos nas persoas que nos queren, confiamos cegamente nelas porque miran polo noso ben e a nosa felicidade. A historia está sementada de pillos que intentan sacar proveito da inocencia e da boa vontade do próximo, valla o exemplo dos Milli Vanilli. 

Acotío a dificultade de crer radica nun mesmo. Non digo que sexamos desconfiados por natureza, senón que, os abondosos desenganos que padecemos atrofian o noso poder de crer. Discernir o ben do mal, a verdade da mentira, destapar calotes e artimañas é un traballo necesario. Temos por diante o labor de construír unha realidade de luz, onde se vexan as cousas tal e como son.

Estamos tan fartos de discursos e poses finxidos que nos costa crer. Eu mesmo recoñezo que actúo con desconfianza.

Como recuperar a capacidade de crer?

- Transitando polo camiño da luz. A luz representa a transparencia nas relacións, en contraste coas tebras que nos evocan as ideas reviradas e as segundas intencións. Circulamos ao amparo da luz actuando sen finximentos e libres de hipocrisía. Non hai beldade algunha no que é falso. 

- Sacando á luz os erros cometidos. Cada un, e como grupo, temos a obriga de recoñecer os fallos para que prevaleza a verdade. Debemos desterrar a soberbia para funcionar dende a modestia e con humildade.

- Antepoñendo os intereses dos demais á comenencia dun mesmo. Chegar a crer pasa en primeiro lugar por amosar desinterese, para despois, abrir os ollos lentamente e descubrir aquela verdade que cura e libera.

A pesar da miña mediocridade asegúrovos que El é a única luz.

Cre e camiña cara a Luz!

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa