Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana, e aparecéuselle en primeiro lugar a María Magdalena. Despois disto, aparecéuselles a dous que ían de camiño a un lugar. Todos fóronllelo contar ós demais, pero non os creron. Por último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón.

Díxolles: Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.

1.- O Señor resucitou no abrente do primeiro día da semana e revélase a quen El quere.

Persoas especiais, empáticas, sensibles, marcados pola vida, rexeitados pola sociedade, desprovistos de riquezas, necesitados de salvación, amantes pasionais,... destinatarios da revelación.

2.- Hai persoas que senten a presencia do Señor nas súas vidas.

Unha experiencia que volve o dereito do revés e anula a indiferenza. Descobres a razón de vivir e zumegas alegría interior, forza e seguridade. No peito latexos de comunicación que loitan por saír e compartilo todo. 

3.- Ao comunicaren a experiencia vivida aos amigos ninguén os cre.

Polo xeral desconfiamos desas persoas “raras” que rachan co convencional.  Pechámonos en banda e desacreditamos o testemuño de quen, ao noso entender,  desvaría. Nalgún caso respectamos ao mensaxeiro e por amizade omitimos comentarios negativos. Moitos atrancos para falar en confianza! Máis para crer!

4.- Xesús bótalles en cara a súa incredulidade e dureza de corazón.

Influenciados polo ambiente seguimos os mesmos patróns de comportamento e rexeitamos todo o que non nos entra na cabeza. Amais da coiraza propia protéxenos unha cúpula de tópicos e prexuízos. Instalámonos na confrontación o que imposibilita a aquiescencia.

5.- Son enviados a levar ao mundo enteiro a Boa Nova.

A pesar do raquitismo do xénero humano e dos fallos cometidos a misión de Xesús pasa polas nosas mans.

Elos dunha cadea que nunha punta nos suxeita ao anuncio da resurrección e na outra préndenos ao Reino que é Boa Nova.

Ten ánimo, segue adiante, non rompas esta cadea.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

Pin It