Cando programo unha saída teño en conta varias cousas: os días que vou estar fora, a distancia que hai ao lugar de destino, consulto a previsión meteorolóxica, fago provisión da roupa necesaria, e calculo, grosso modo, os cartos que vou gastar.

Todo supeditado á motivación da viaxe, de pracer ou traballo. Repercute a época do ano, e tamén, se vou só ou acompañado.

A miña planificación é francamente mellorable. Improviso e déixome levar dependendo do momento. A finalidade pasa sempre por ter unha experiencia agradable, un recargar pilas para seguir choiando.

Saír a comer ou cear de restaurante reláxame e desfruto moito. Non abuso, que hai que mirar pola economía.

No presente, nun exercicio de realismo pragmático, doume por satisfeito se podo achegarme á miña casa de Chorén. A curto prazo non teño outra cousa prevista. Esquecía contar que fago moitas viaxes nocturnas, explícome,  viaxo en soños, namentres durmo a cabeza lévame de paseo.

Agora pensade nun destino apetecible e planificade, que soñar é gratis!

“Dille Xesús á xente: ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día.”

Aviso para os viaxeiros do voo "vir onda min". Señores pasaxeiros diríxanse cara as portas de embarque. Grazas e boa viaxe.

Unha viaxe que o tivera todo. Un destino distinto que superara todas as expectativas: compañía inmellorable para o recordo, paraxes naturais para sorprenderse, comidas agradables para compartir intimidades, diversións para escachar a risas, tempo abondo para esquecer o reloxo, en fin, unha viaxe redonda.

Alguén nos convida a chegar a ese sitio. Non é un soño. Non te cargues de chilindradas, alixeira a equipaxe, e pon rumbo cara ese destino exclusivo.

Aínda non te decataches? Por favor, abrochen os seus cintos!

O avión corre e colle pista. Vai despegar. Queres perder o teu sitio? Improvisar na derradeira saída?

Ven, e sube ao Pai de todas as viaxes! Por certo, sen data de remate.

#QuedaNaCasa

#RezaNaCasa

 

Pin It